“As axudas teñen que ser áxiles para que teñan eficacia. Somos partidarios de establecer criterios máis flexíbeis”

Como ve a situación dos pequenos empresarios na Coruña pola crise sanitaria e económica? Confía na recuperación económica este mesmo ano?

A situación é moi preocupante. A maioría dos pequenos empresarios teñen que seguir afrontando os mesmos gastos que nun período normal, cando en moitos sectores os seus ingresos sufriron unha caída exponencial.  Se se compren os prazos de vacinación é posíbel que no segundo semestre a economía comece a repuntar con certo vigor, mais por desgraza creo que retornar á situación pre-Covid aínda vai levar bastante tempo. 

A hostalería é dos sectores máis afectados pola pandemia, obtivo apoio suficiente das administracións nestes últimos meses? As restricións impostas de peches ou limitacións de horarios foron necesarias?

Imaxino que as restricións se adoptan seguindo, de verdade, as recomendacións de expertos e están baseadas en estudos epidemiolóxicos. Con todo hai incongruencias que non acabo de entender, como que se decretasen restricións duras para a hostalaría ou a cultura mentres se permitía a apertura de centros comerciais.

Tampouco entendo os cambios continuos e anunciados con moi pouca antelación. Os hostaleiros fan as compras en función dunhas previsións e se se agarda ao  xoves ou venres para anunciar novas restricións para a fin de semana estáselles a causar un prexuízo aínda maior.

Mais o fundamental é que se unha administración decreta peches ou restricións parciais de apertura de negocios ten o deber de acompañar esas medida de compensacións económicas inmediatas por cesamento ou limitación de actividade. Por iso as medidas de apoio son claramente insuficientes. O BNG, entre outras medidas, propón un plan de rescate seguindo o modelo alemá, que asegure axudas polo equivalente ao 70% da facturación nun período normal.

Houbo moitas queixas da xestión do programa Presco para os emprendedores o ano pasado, con demora de pagos e complicacións na tramitación, que melloras se poden facer de cara ao programa do 2021?

As axudas teñen que ser áxiles para que teñan eficacia. Para evitar esas demoras é preciso reforzar o cadro de persoal encargado de xestionalas; simplificar trámites, establecendo mecanismos como a declaración responsábel que faciliten que cheguen axiña ao beneficiario e facilitar un mellor asesoramento.

Tampouco ten sentido que fiquen excluídos os que teñen impagos coa facenda local, aínda que sexan retrasos puntuais. Por iso somos partidarios de establecer criterios máis flexíbeis, por exemplo que sexan denegadas só no caso de que no último ano tivesen máis de dous requerimentos de Facenda e que se poida detraer o diñeiro das axudas para estar ao corrente dos pagos en vez de que simplemente se deneguen.

Que mais podería facer o Concello para axudar aos hostaleiros e comerciantes da Coruña?

É necesario un maior esforzo de información. Houbo moitos potenciais beneficiarios que non tiveron noticia das distintas liñas de axuda e pasoulles o  mesmo a moitos cidadáns cos Bonos Presco. Polo demais, hai que concentrar os recursos nas axudas que se precisan nestes momentos. Cando os negocios están nunha situación de resistencia para evitar o peche definitivo non é o momento de axudas para investir.

A respecto dos incentivos ao consumo (os chamados Bonos Presco) é moito o que se pode mellorar: o bono cultura só axudou as librarías, cando debía incluír tamén outros consumos culturais; na hostalaría os bonos simplemente non funcionaron e por iso hai que deseñar outros incentivos que atendan a especificidade deste sector. Debe irse a un modelo de bono que non deixe fóra negocios e clientes que non teñen facilidades de acceso ou non estean familiarizados coas novas tecnoloxías. As axudas e incentivos deben chegar a todos os sectores por igual.

Como valora a falta de acordo entre as tres administracións galegas para impulsar un plan de rescate conxunto? Foi a Xunta a responsable de que as axudas para a hostalería se tramiten por tres vías distintas?

As responsabilidades son compartidas entre PP e PSOE. Somos moi críticos coa actitude de ambos os dous. Dunha banda, a Xunta tiña unha posición de partida que non era presentábel, ao defender un modelo de reparto onde o 50% das achegas ao plan de rescate  correse a cargo das Deputacións e os Concellos. Hai que pensar que os peches e restricións decretounos á Xunta, que ademais ten as principais competencias en comercio, turismo e política económica. O orzamento da Xunta para 2021 supera os 11.000 millóns de euros, mentres a suma do orzamento das deputacións e concellos galegos non chega aos 3.000. Por se fose pouco, a Xunta recibiu 414 millóns de euros con cargo aos fondos REAT, dos cales 224 millóns estaban destinados á financiación dos sectores máis afectados pola crise provocada pola pandemia. Velaí, insisto, que a súa proposta de reparto, fose unha auténtica “tomadura de pelo”.

Doutra banda, a actitude do PSOE fixo imposíbel que houbese un “portelo único” ao facer causa de que as axudas as xestionasen os concellos. Os demandantes de axudas o que necesitan é que cheguen canto antes para poder subsistir, no canto de ter que petar en distintas xanelas e afogar con multitude de trámites burocráticos. Por desgraza, unha actitude curta de miras fixo imposíbel o acordo pese aos esforzos do BNG. A nós o que nos preocupa é axudar a hostalaría e outros sectores e non facer mercadeo político coa axudas.

Nas cantidades das axudas, como valora a proposta de inverter o 1% dos orzamentos das administración para axudar a este sector?

Esa proposta púxoa sobre a mesa o BNG. Destinando o 1% do orzamento ás axudas todas as administracións fan o mesmo esforzo, loxicamente en función dos recursos que cada administración ten, e ademais esa porcentaxe aseguraría mobilizar moitos máis recursos dos que se están asignando.  Seguimos defendendo esa proposta.

Foto: Raquel Vázquez R.